"Éxito absoluto" da 27 edición da Cea Solidaria da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra
Por Redacción
A Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra cualifica de "éxito absoluto" a súa tradicional Cea Tómbola despois de 27 anos de celebración.
Con 400 asistentes e preto de 900 agasallos doados polo comercio e establecementos da Boa Vila e arredores, a Cea Solidaria celebrada este venres nas instalacións do parque do Liceo Casino (A Caeira) demostrou ser un dos eventos con máis tradición na cidade e máis consolidado na entidade.
A noite arrincou co saúdo de Ana García, presidenta provincial da entidade que se mostrou "enormemente agradecida coa resposta a esta cita" de todas as persoas asistentes, entre as que se atopaban representantes de institucións públicas como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, grupos municipais, Liceo Casino de Pontevedra, Escola Naval de Marín, Garda Civil, da área sanitaria Pontevedra- Salnés, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, AEMPE e o grupo BNI.
Tamén destacou "o enorme traballo do voluntariado da entidade, motor deste evento e tamén ao equipo profesional da entidade. Grazas ao traballo de todos eles isto que estamos a vivir hoxe é posible. Estou emocionada. Esta é a miña primeira Cea e sorpréndeme a solidariedade que move. Grazas ao comercio de Pontevedra e arredores que cederon máis de 1.600 artigos que conforman os máis de 900 agasallos", indicou.
Tras a benvida inicial procedeuse a un pequeno sorteo que deu paso á cea e á apertura da desexada tómbola, onde os asistentes puideron recoller os agasallos atendendo ao número das súas papeletas, previamente adquiridas ao comezo do evento. Tras a cea tivo lugar outro sorteo e unha sesión de baile que puxo o broche final á velada.
Todo o recadado neste evento destinarase a seguir financiando todos os programas e servizos que a Asociación ofrece, de maneira gratuíta e universal, aos pacientes de cancro e a súa contorna, ademais de seguir impulsando a investigación en cancro para poder alcanzar un 70% de supervivencia no ano 2030.
Relacionadas:
-
Inicio solidario nas 'Mañás de Terraceo' do Obradoiro de Hostalería do Salnés
Por Redacción |
-
Os casos de cancro de pel están a crecer máis rápido que calquera outro tipo
Por Oskar Viéitez |
-
Nova edición da "cea-tómbola" da Asociación Contra o Cancro
Por Redacción |
-
Convenio para potenciar a atención biopsicosocial na Asociación Española contra o Cancro
Por Redacción |