Sara Couso, estudante de Dirección e Xestión Pública, elabora un plan de melloras para Zona Monumental
Por Redacción
A estudante de Dirección e Xestión Pública, Sara Couso, elaborou para o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) un plan de acción de mellora continua para a Zona Monumental de Pontevedra.
Deste xeito, a través da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), a profesora de Dirección e Xestión Pública Sara Torres coordinou nos últimos cursos dous proxectos desenvolvidos xunto co Centro Comercial Urbano Zona Monumental que levaron o alumnado da facultade a detectar unha serie de "necesidades de mellora na captación de asociados e posicionamento en redes" desta asociación e motivaron á súa vez un novo proxecto.
Segundo indicou a estudante, "vino como unha posibilidade de axudar e de que o teu traballo non quede só nunha cualificación", contribuíndo deste xeito a definir un conxunto de recomendacións e propostas "para pór en marcha novos proxectos que melloren o posicionamento e proxección" de Zona Monumental.
Desde a asociación lembran que os proxectos desenvolvidos nos cursos previos permitiron que os estudantes de Dirección e Xestión Pública coñecesen o funcionamento dun CC, ao tempo que contribuían o seu labor, deseñando un folleto dos servizos que presta os seus asociados e cunha análise da súa presenza en redes sociais.
No caso deste curso, o proxecto tivo "un coñecemento máis profundo da entidade" o cal permitiu que non só recibisen "unha diagnose", senón tamén "solucións e propostas viables", como tratar de impulsar novas vías de colaboración con diferentes facultades. "Estamos especialmente satisfeitos polo resultado da experiencia deste curso, porque temos xa trazado un camiño para levar a cabo as iniciativas suxeridas", destacan desde o CCU.
Nese senso, o traballo de Couso pon o foco en primeiro termo nos desafíos que afrontan os centros comerciais urbanos e abertos, como os cambios nos hábitos de consumo, para logo analizar a traxectoria de Zona Monumental, fontes de financiamento e servizos que presta a consumidores e asociados, así como as actividades que desenvolveu nos últimos anos e a súa presenza e estratexia en redes sociais.
Couso incide na importancia de "identificar novas vías de promoción" e de incrementar a "base de consumidores e clientes" do comercio local, "especialmente entre a poboación nova". A estudante constatou que a clientela dos establecementos asociados son fundamentalmente "persoas maiores de 40 anos da contorna de Pontevedra" e incide ao mesmo tempo na necesidade de mellorar a súa actividade en redes sociais, pondo o foco no perfil Instagram da asociación, que podería convertese "nun megáfono publicitario".
Relacionadas:
-
A pontevedresa María Casero presenta un prototipo de panel solar adaptado aos centros históricos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O lecer nocturno nega ter pedido "barra libre" de licenzas senón protexer as vixentes
Por Alejandro Espiño |
-
Retiran 68 papeleiras do centro histórico para reparalas
Por Redacción |