A Xunta adxudica a xestión integral da planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Sogama, vén de adxudicar por un importe de 3,9 millóns de euros a xestión integral das plantas de biorresiduos de Vilanova de Arousa xunto a de Cervo (Lugo) e Verín (Ourense).
O contrato, con dous anos de duración e unha prórroga excepcional de nove meses, inclúe a operación, mantemento e limpeza destas tres instalacións, propiedade de Sogama, cuxa función é elaborar compost de calidade a partir da materia orgánica depositada polos cidadáns nos contedores marróns municipais.
O proceso industrial contempla as fases de pretratamento, fermentación, maduración e afino, conforme aos manuais de operación dos distintos equipos e atendendo ás indicacións dos fabricantes, debendo asumir tamén a firma adxudicataria a distribución e comercialización do abono resultante.
Sogama completou no ano 2023 unha rede pública de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, conformada por estas tres instalacións de biorresiduos (Cervo, Verín e Vilanova), ademais da de Cerceda, e 13 plantas de transferencia de apoio ás que se dotou dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica desde os camións de recollida municipal, sendo esta transportada á planta pública máis próxima.
O obxectivo co que se impulsou esta rede era axudar ás entidades locais a dar debido cumprimento á lexislación vixente e propiciar que a práctica totalidade dos municipios adheridos a Sogama (295) dispuxesen dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Para levar a cabo este labor, a empresa pública realizou un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns de euros procederon dos Fondos FEDER REACT-EU como resposta da Unión Europea á crise da covid-19.