A operatividade informática da Área Sanitaria está a recuperarse gradualmente logo do fallo de Microsoft
Por Oskar Viéitez
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a recuperar gradualmente ao longo da mañá deste venres a operatividade informática integrada na asistencia sanitaria pública que presta á poboación, tras unha incidencia informática que afectou a todo o planeta.
Un apagamento informático global provocou incidencias en aerolíneas, bancos e outros sistemas. O problema parece xurdir a partir dunha actualización nun antivirus da firma de ciberseguridade CrowdStrike, provedor de Microsoft.
Os servizos de Informática da Área Sanitaria, en coordinación cos servizos centrais do SERGAS e do resto de Áreas Sanitarias de Galicia, traballaron en equipo durante estas primeiras horas do venres para coordinar estratexias informáticas e protocolizar solucións de continxencia cara a normalizar os sistemas.
Deste xeito, ás once da mañá a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés xa restableceu informáticamente a operatividade da súa Historia Clínica -IANUS-, dos PC’s, así coma as redes informáticas de Laboratorio, da Farmacia, da Radioloxía e traballábase para recuperar ao longo da mañá o resto de aplicacións departamentais.
Nun comunicado a Xunta de Galicia asegurou que "desde o primeiro momento", tomou as medidas necesarias para garantir a dispoñibilidade dos servizos esenciais e recuperar os servizos afectados.
A Xunta seguiu o protocolo de actuación definido que establece a prioridade no relativo ao restablecemento dos servizos, primando aqueles que son críticos (061, 112 e incendios) e os que teñen impacto directo na cidadanía.
"Os servizos críticos están garantidos desde primeira hora e estase a avanzar na recuperación do resto de servizos", aseguran dende a administración autonómica. Agárdase que a práctica totalidade dos servizos estean dispoñibles nas próximas horas.