Anuncian choivas para este sábado
Por Oskar Viéitez
Os técnicos de MeteoGalicia informan que para esta fin de semana agárdase unha alternancia de ceos con nubes e claros con momentos pouco anubrados ou despexados, ocasionalmente moi anubrados. Atención porque advirten que haberá precipitacións o sábado.
Galicia quedará durante esta xornada baixo os efectos dunha baixa pouco activa, cunha fronte cálida ao principio do día e outra fría durante a tarde. Isto deixará os ceos nubrados e algunhas chuvias febles e intermitentes, menos probables na provincia de Ourense e no leste de Lugo.
As temperaturas mínimas non terán cambios significativos, mentres que as máximas sufrirán un notable descenso. Os ventos irán cambiando de sur a norte a medida que avance o día; serán moderados na costa e frouxos no interior.
Durante o domingo Galicia irá gañando influencia anticiclónica. Con esta situación, agárdanse ceos con abundantes nubes ás primeiras horas, diminuíndo progresivamente pola mañá, quedando os ceos despexados pola tarde.
As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas ascenderán, sobre todo na metade sur. Os ventos soprarán frouxos, de compoñente norte en xeral.
A vindeira semana agárdase predominio da influencia anticiclónica sobre Galicia, con tempo seco e soleado en xeral, con altas temperaturas.