Entra en vigor a modificación de crédito de 10,3 millóns que se incorpora ás contas do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou que xa se aprobou definitivamente a modificación de crédito do orzamento municipal por 10,3 millóns de euros debido a que finalizou o prazo de presentación de alegacións sen recurso algún.
Lores lembrou que esta modificación de crédito servirá, entre outras cousas, para financiar as obras de urbanización da rúa Rosalía de Castro por 2,2 millóns de euros, así como actuacións como a organización dos Premios Feroz nos seus dúas próximas edicións, á que o Concello destina 450.000 euros, melloras no Pazo de Congresos, Recinto Feiral e Teatro Principal, ou un incremento no orzamento das festas.
Tamén se destina un millón de euros a pavimentacións no rural, 1,2 millóns para clubs deportivos e unha cantidade similar para infraestruturas e instalacións deportivas.
Con esta modificación de crédito os Orzamentos de 2024 alcanzan os 128 millóns de euros.
O goberno local anunciou outra modificación de crédito para asumir a compra dunha parcela de 17.557 metros cadrados situada a lado do cemiterio de San Amaro e pertence a unha empresa que traballa para Fenosa. Esa parcela é a elixida para a construción do novo edificio de emerxencias. O prezo de venda é de aproximadamente 1,2 millóns de euros e asumirao o goberno local cunha modificación de crédito nos Orzamentos, tras a cal se iniciará a licitación.