Turismo de Galicia acusa o Concello de Pontevedra de "enredar e eludir a responsabilidade" coas VUTs
Por Oskar Viéitez
Turismo de Galicia, a axencia dependente da Xunta, vén de acusar ao Concello de Pontevedra de "enredar e eludir a responsabilidade" en relación ás vivendas de uso turístico (VUT).
Nun comunicado emitido este xoves por esta axencia sinalan que "O Concello de Pontevedra está a demostrar que só quere enredar e eludir a responsabilidade que ten con respecto ás vivendas de uso turístico nas súas competencias municipais, algo que o decreto de vivendas de uso turístico deixa moi claro".
Segundo refire, "dentro do respecto á autonomía local", o decreto prevé que os concellos establezan limitacións dentro do seu termo municipal, segundo as súas competencias urbanísticas "e iso é respectado en todos os casos pola Xunta de Galicia".
O procedemento para as persoas que queiran rexistrar unha VUT, require que éstas deberán cumprimentar unha declaración responsable na que o usuario declara que cumpre responsablemente coa normativa, incluída a municipal. A continuación a Xunta informa das altas ao Concello, "que é a administración encargada de comprobar se esa vivenda incumpre ou non a súa normativa municipal". En caso de que non a cumpra, "é o Concello quen ten que comunicarlle o caso a Turismo de Galicia para que poidamos proceder co expediente de baixa, con audiencia ás partes", destacan.
"E así o estamos a facer", aseguran dende Turismo de Galicia. "Cada vez que o Concello nos achega unha fundamentación xurídica que acredita que non conta cos permisos municipais, Turismo de Galicia inicia un procedemento de baixa do REAT desa VUT en cuestión, sempre dando audiencia ás partes".
Segundo os datos aportados, na cidade de Pontevedra tramitáronse 21 baixas de oficio e hai catro máis en periodo de alegacións.
Por último, dende Turismo de Galicia recalcan que "a Xunta está garantindo a regulación das vivendas de uso turístico desde hai 7 anos". E o procedemento de alta – a través dunha declaración responsable- é o mesmo sistema que se está a realizar para o resto de establecementos de aloxamento, "avalado pola normativa europea" e permite, con carácter xeral, o inicio dunha actividade desde o día da súa presentación sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que teñan as administracións públicas en coherencia co resto das comunidades autónomas e a normativa estatal.