O Concello de Pontevedra aplica a subida dun 2% aos salarios dos funcionarios con efectos desde xaneiro
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra acordou este xoves en Xunta de Goberno aplicar a subida salarial do 2% para os funcionarios municipais, que se cobrará de forma inmediata, na nómina de xullo, e con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro. En total este incremento salarial suporá 444.000 euros máis no gasto de persoal do Concello.
A este 2% sumaráselle un 0,5% adicional en función da evolución da inflación que se aprobará en xaneiro de 2025, pero referido ao exercicio 2024.
Segundo informou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o Concello de Pontevedra cumpre deste xeito co decreto aprobado polo Goberno central.
O acordo marco para unha administración do século XXI, asinado entre o Goberno de España e os sindicatos para o período 2022-2024, sentou as bases da actualización de salarios dos empregados públicos de acordo con a situación económica.
O alcalde tamén deu conta dunha segunda sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "que lle dá razón ao Concello na RPT do ano 2022 que, como sabedes, fíxose en cumprimento dunha sentenza que dicía que se tiñan que incluír todos os conceptos retributivos dentro do complemento específico". Así se fixo no caso da Policía Local, dos bombeiros e do persoal de cemiterios.
Neste caso, Comisións Obreiras recorrera argumentando que non houbo negociación, unha tese que o TSXG rexeita ao entender que se non a houbo foi porque os representantes sindicais dos traballadores municipais non asistiron á mesa convocada para ese efecto.
Relacionadas:
-
O PP esixe a elaboración do primeiro plan de igualdade do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O PP faise eco das demandas dos funcionarios municipais e denuncia que "os desprezos son continuos"
Por Natalia Puga |
-
Concentración dos traballadores municipais diante do Concello para reclamar "diálogo e respecto"
Por Almu Dapena |