Ánxos-pallasos, unha praga de ratas e unha manifestación de abellas percorren Pontevedra a ritmo de batucada
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Itineranta trouxo este xoves a Pontevedra catro espectáculos das compañías Asaco Producións (Navalmoral de la Mata), Campi Qui Pugui (Lleida), Sound de Secà (Cervera) e os artistas vigueses xa coñecidos de Troula.
Ao berro de "Llegó a tu ciudad el Chatarrero celestial" os cacereños partiron ás oito da tarde da Avenida de Santa María pasando polo Liceo Casino ata terminar na Praza de Curros Enríquez.
Os irmáns Saqueti, caracterizados como anxos custodios, puxeron a proba ao público pontevedrés cun espectáculo inspirado nos vendedores de rúa e no clásico "Que belo é vivir". Mostraron as virtudes destes anxos-pallasos da garda e celebraron unha poxa para entregar a algún dos presentes un "custodio en prácticas". Pantomima, música e moitas risas co lema "Acaba co odio, compra un custodio".
Ás 20:45 horas as ratas xigantes invadiron a Boa Vila. A praga empezou fronte ao Teatro Principal para continuar pola Praza do Teucro, as Cinco cales, baixando ata Méndez Núñez para concluír na Verdura sen que ningún veleno puidese con elas. Só unha persoa no mundo parecía ser capaz de acabar con elas: un flautista que chega dun país afastado.
Tamén do Teatro Principal e con idéntico percorrido saíu, ás nove e media da noite, o terceiro espectáculo deste xoves: "Acid" da compañía portuguesa Sound de Secà. Foi toda unha festa ambulante cargada de enerxía que interactuaba co público a través da percusión, o teatro, o movemento e a voz nunha viaxe polo funky e o hip hop, cunha mestura de ritmos impactante.
E finalmente, ás 22:30 horas, desde a Praza de España ata a Peregrina unha enorme marioneta dunha abella reina, acompañada de toda a súa colmea, escenificou unha manifestación de protesta ante a evolución do mundo moderno e os abusos dos seres humanos no planeta.
Relacionadas:
-
Lume e música para despedir o Festival de espectáculos de rúa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ietis, extraterrestres e esculturas futuristas invaden as rúas de Boa Vila no arranque de Itineranta
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Chega Itineranta, un festival para gozar "a través de todos os sentidos"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, ante un "verán que non para" con preto de catrocentas actividades festivas nas súas Festas de Verán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |