Diego Ameixeiras, Xavier Lama e Antía Yáñez, finalistas do Fernández del Riego
Por Alejandro Espiño
Xa hai finalistas para a vixésimo primeira edición do premio de xornalismo Fernández del Riego, convocado anualmente por Afundación para recoñecer artigos de opinión ou xornalismo literario publicados en galego. Son Diego Ameixeiras, Xavier Lama e Antía Yáñez.
Así o anunciou este mércores o xurado deste galardón, dotado con 10.000 euros, tras elixir estes tres traballos entre as 27 candidaturas presentadas este ano.
Diego Ameixeiras é finalista por "A metade do inverno vai fóra" publicado en La Voz de Galicia, Xavier Lama por "Unha casa con alma de inverno" editado en Mundiario e Antía Yáñez por "Medrar" que se puido ler na revista Luzes.
O presidente do xurado, Víctor Freixanes, destacou a "calidade literaria admirable" de todos os traballos presentados, que "reflectiron unha enorme riqueza temática".
Así, Freixanes subliñou que os participantes abordaron "desde cuestións da máis absoluta actualidade ata textos arredor das raíces culturais e históricas de Galicia".
A esta XXI edición do Premio Fernández del Riego podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, publicados en 2023 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, e escrito en galego.
Entre os gañadores anteriores destacan nomes como Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato, Míriam Ferradáns, Francisco Castro ou Mar Mato, gañadora da última edición.