No centro histórico só se autorizarán vivendas de uso turístico en edificios completos, en baixos ou nos primeiros andares
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, compareceu este martes en rolda de prensa para dar conta da decisión tomada no Concello de Pontevedra en relación coas vivendas turísticas e o centro histórico. A idea é equiparar os requisitos de apertura das vivendas deste tipo aos do resto da cidade. Até o de agora, o centro histórico mantiña un réxime distinto.
Desde a entrada deste novo criterio interpretativo, só se autorizarán vivendas de uso turístico en edificios completos, en baixos ou nos primeiros andares.
Deste xeito, os criterios pasarán a ser os mesmos que no resto da Boa Vila, onde xa se viña aplicando este criterio.
Tal e como indicou o concelleiro de Urbanismo, na actualidade están rexistradas un total de 90 vivendas de uso turístico no centro histórico, o que sería un 6,10% das vivendas existentes no mesmo —o total de vivendas é de 1.462—. A día de hoxe constan no Concello de Pontevedra 11 comunicacións previas de apertura de vivendas de uso turístico (VUT), algunha delas sen resolver, das que tres son edificios completos, en concreto vivendas unifamiliares.
Dentro do conxunto histórico existen, aproximadamente, 20 edificios completos destinados a uso hoteleiro.
"Cómpre facer unha interpretación do artigo 65 do PEPRICA co obxectivo de prever e evitar males maiores no futuro á hora de termos unha correcta convivencia entre residentes e visitantes", explicou. "Non queremos durmirnos nos loureiros, por iso preferimos tomar medidas e anticiparnos polo que poida pasar", engadiu.
Oubiña lembrou que no seu día o centro histórico non estaba limitado por este criterio pois a intención do Goberno era a de favorecer a rehabilitación de vivendas, tanto para uso residencial como para outro tipo, algo que se veu dando tal e como demostra o aumento de poboación na zona.