Penas mínimas para os responsables dun club de alterne que tiñan a 12 mulleres en situación irregular
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra resolveu este martes o xuízo contra dous responsables dun club de alterne con traballadoras irregulares no Porriño.
Os dous serán condenados a penas mínimas que non implicarán o seu ingreso en prisión.
Inicialmente a Fiscalía pedía para o xerente do Club Falcon Crest unha pena de dous anos e tres meses pero o procesado recoñeceu os feitos dos que estaba acusado o que supuxo unha rebaixa na condena que quedou nunha pena de 6 meses de prisión e multa de 6 meses cunha cota de 10 euros, con inhabilitación especial para dedicarse a actividades de actividades de xestión e administración de locais de alterne.
A outra persoa acusada era a propietaria do local que non recoñeceu os feitos polo que a Fiscalía mantivo a pena solicitada inicialmente de seis meses de cárcere, multa de seis meses cunha cota diaria de 20 euros e inhabilitación especial polo mesmo tempo para a actividade de arrendamento do local da súa propiedade para local de alterne polo mesmo tempo.
Segundo recolle o escrito de Fiscalía, en outubro do ano 2018 o Club Falcon Crest tivo unha inspección que detectou que estaban empregadas exercendo a actividade do alterne, 12 delas en situación irregular, sen permiso de traballo e sen estar dadas de alta na Seguridade Social e outras catro sen estar dadas de alta na Seguridade Social.
Nese momento, relata o Ministerio Público, a empresa tiña dados de alta a sete traballadores. Como consecuencia da inspección, incoáronse varias actas de infracción.
O escrito recolle que a dona da propiedade alugouno ao primeiro acusado "coñecendo a situación das empregadas no devandito local, así como a actividade que se explota, a pesar do cal arrendou o citado inmoble facilitando a comisión do delito".
O citado local estivo clausurado de forma provisional desde abril do 2019 ata xullo de 2020. Na actualidade o contrato de arrendamento resolveuse pola propiedade. A Tesourería Xeral da Seguridade Social deu de alta de oficio ás citadas traballadoras abonando un importe total de 293,77 euros.