A estrada de Arnosa xa loce o seu reformado aspecto
Por Redacción
As obras de mellora da estrada de Arnosa, en Vilalonga, un vial de 800 metros moi utilizado polos residentes porque en ambos os lados viven numerosas familias, xa terminaron.
Esta actuación permitiu que este vial, que era moi inseguro para peóns e vehículos, fora alargado e mellorado de maneira notable, corrixindo ademais os problemas de falta de iluminación e da súa rede de augas pluviais.
As cesións realizadas por unha trintena de familias permitiron contar cos terreos necesarios para executar esta intervención.
Os primeiros traballos consistiron na canalización das augas pluviais e a ampliación do vial. O resultado é unha estrada que dobrou o seu ancho medio ata os 11 metros.
Isto permitiu crear unha senda para os peóns que oscila entre os dous e tres metros ao longo do vial, un carril en cada sentido de 3,5 de metros de ancho e unha beiravía de 1 metro.
Para reforzar a seguridade viaria pintáronse varios pasos de peóns e estableceuse unha velocidade máxima de 30 km/hora.
Ademais, colocáronse seis novos farois nun tramo de 140 metros onde a iluminación era deficiente.
A mellora está pendente de que Unión Fenosa retranquee varios postes da luz, especialmente dous que estorban moito á circulación de coches e peóns.