Poio leva a pleno o pago de facturas pendentes de 2023 para sanear as débedas con 90 provedores
Por Redacción
O vindeiro martes 16 de xullo a Corporación municipal de Poio está citada para un pleno extraordinario no que o Goberno local pretende desbloquear o pago de 359.189,24 euros en facturas pendentes do exercicio 2023.
Trátase, segundo a información facilitada polo Goberno local, de facturas que quedaron sen pagar no anterior mandato e outras que non se puideron abonar antes ao ter un orzamento esgotado desde o mes de maio.
O alcalde, Ángel Moldes, destaca que con esta medida buscan "sanear as débedas" con preto de 90 provedores. A maior parte deles son autónomos locais aos que "agradecemos a paciencia, empatía e colaboración que amosaron desde o primeiro momento". Unha vez aprobada esta relación de facturas no pleno, o pago será inmediato.
Para facer fronte a estes pagos, o Concello de Poio destinou 359.189,24 euros do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Moldes defende que a xestión económica feita polo Goberno do PP no último ano foi "eficiente e responsable" e en todo momento desde a súa chegada á Alcaldía "a prioridade era pagar todas as débedas que nos deixaron para evitar situacións como a dalgún concello da provincia, como pode ser o caso de Redondela, que tiveron que ser intervidos por Hacienda hai uns días polos seus impagos".
"O destino de Poio, de non ser pola xestión económica e responsable que fixemos, sería o mesmo, con todos os graves prexuízos que conleva para o municipio e para a veciñanza", alerta Moldes, que asegura que do anterior mandato tripartito quedaron máis de 1,2 millóns de euros en facturas no caixón que "conseguimos ir pagando con moito esforzo", as partidas do orzamento sen cartos e débedas cos bancos por importe de 8 millóns de euros.