Seis anos de prisión para un pontevedrés 'pillado' con cocaína cando aterrou en Barajas procedente de Perú
Por Redacción
Un veciño de Pontevedra ven de ser condenado pola Audiencia Provincial de Madrid a seis anos e tres meses de cadea por un delito contra a saúde pública por transportar cocaína dende Perú. O home foi localizado en posesión de 2,7 quilos desta substancia estupefaciente cando aterrou no aeroporto de Barajas.
A sentenza considera probado que o 24 de agosto de 2013, sobre as 14.30 horas, foi sorprendido por axentes da Policía Nacional cando acababa de tomar terra en Madrid-Barajas, procedente de Perú e con destino a Bruxelas, levando unha maleta con droga.
A maleta azul propiedade do condenado tiña un dobre fondo na parte posterior e no interior gardaba unha prancha de forma rectangular recuberta de plástico de cor negro. Foi alí onde apareceu unha substancia de cor branco que, unha vez analizada, resultou ser cocaína cun peso de 2.700, 8 gramos. Esa substancia resultou ter unha pureza do 64,7%, o que equivale a 1.747 gramos de cocaína pura.
O propio acusado recoñeceu os feitos ante a Audiencia, de maneira que se beneficiou dun acordo de conformidade coa Fiscalía e veu reducida a súa condena dos sete anos e medio de prisión que lle pedían inicialmente aos seis anos e tres meses aos que foi condenado por sentenza.
A sentenza da Audiencia tamén lle impón unha multa de pouco máis dun millón de euros (1.042.179,2 euros), así como o comiso da cocaína que lle foi interceptada e os cartos e efectos intervidos.