Soutomaior autoriza espazos no exterior dos locais hostaleiros para seguir a final da Eurocopa
Por Redacción
O goberno local de Soutomaior autorizará aos locais de hostalaría do concello a instalar dispositivos de difusión, como televisións e proxectores, no exterior dos seus establecementos para seguir a final da Eurocopa este domingo. O partido será o domingo 14 ás 21.00 horas entre a Selección Española e a Selección Inglesa.
Desde o goberno local sinalan que a petición do Partido Popular de instalar unha pantalla xigante nunha única praza do concello, concretamente en Talo Río, perxudicaría ao 95 % dos negocios hostaleiros.
O equipo de goberno entende que os locais non terían clientes ese día. Argumentan que, ao tratarse dun evento deportivo televisado e en aberto, todos os locais hostaleiros poden beneficiarse, evitando así concentrar o público nun só lugar e distribuíndo mellor os beneficios económicos.
Ademais, lembran que xa amosaron este posicionamento na final do mundial de fútbol feminino en agosto do ano pasado, aplicando o mesmo criterio para o fútbol masculino que para o feminino, destacando a súa política de non discriminar en función do xénero no deporte.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, afirmou: "Agardamos que este domingo toda a hostalaría de Soutomaior poida ter beneficios e que toda a veciñanza poida desfrutar do fútbol e da selección. O deporte é iso, algo que está para unir e non para confrontar nin separar. Quédome co xesto de Lamine Yamal despois do seu gol, homenaxeando o seu barrio e a súa orixe porque foi unha lección de humildade, de respecto, de integración e de convivencia".
Con esta decisión, o Concello busca fomentar un ambiente de celebración inclusivo e beneficioso para todos os establecementos locais.