O San Cristovo de Poio celébrase o sábado na Seca con percorrido e bendición de vehículos e cea de confraternidade
Por Redacción
A tradicional festa de San Cristovo celébrase este sábado, 13 de xullo, na Seca, en Poio, para recoñecer a labor do sector transportes nun ambiente lúdico e de convivencia.
Organizada pola asociación San Cristovo na honra do seu patrón, empezará a partir das 18.00 horas coa concentración de vehículos na Seca.
O alcalde, Ángel Moldes, e os concelleiros de Festexos e de Cultural, Fran Dasilva e Natalia Sabarís, participaron este mércores na presentación do programa desta festa, que chega á súa décimo cuarta edición.
Despois da concentración de vehículos, ás 19.00 horas será a misa na Seca, cantada pola Coral de Poio, e posteriormente procederase á bendición de todos os vehículos asistentes.
Esta bendición contará coa actuación da agrupación folclórica local Vides Novas e, a continuación, comezará a marcha de todos os vehículos participantes polas rúas do municipio.
Ás 22.00 horas será a quenda da cea de confraternidade nunha carpa instalada na Seca, que estará amenizada coa música do DJ Mario, e na que participarán máis de 250 persoas.
Entre os asistentes sortearase unha estancia de fin de semana nun talaso da provincia.