Emerxencias alerta dun novo temporal costeiro de nivel vermello para este luns
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia anuncia a chegada dun novo temporal costeiro a partir desta media noite do domingo e que irá en aumento ao longo do luns, ata alcanzar o nivel vermello de alerta, con ondas superiores aos dez metros de altura.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), en todo o litoral de Pontevedra o temporal comezará a partir das 3.00 horas, con ondas de entre 5 e 8 metros de altura, que se corresponden co nivel laranxa, para posteriormente, entorno ás 10.00 horas do luns, pasar a nivel vermello, con ondas de máis de nove metros de altura e moi frecuentes.
O punto álxido desta situación de ventos intensos e forte ondada rexistrarase na tarde-noite do luns coincidindo con marea alta. Ante esta situación, Emerxencias pide que se extremen as precaucións ante o mal estado do mar. Esta situación manterase ata a madrugada do martes 4 para ir remitindo a medida que avance esa xornada.
Dende a Consellería do Medio Rural e do Mar aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva. Recoméndase tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar. Neste sentido, aconséllase que se eviten os percorridos polas instalacións portuarias e a circulación en vehículos preto dos peiraos.