A estación marítima de Vilagarcía será un centro de recepción de peregrinos náuticos
Por Redacción
Turismo de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa acometerán de xeito conxunto a rehabilitación integral da estación marítima no peirao de pasaxeiros para crear un centro de recepción de peregrinos náuticos da Ruta Traslatio.
A Xunta de Galicia financiará esta actuación achegando uns 822.000 euros no marco do Plan Xacobeo, financiado cos fondos europeos Next Generation.
Esta actuación inclúese no proxecto de revalorización da Ruta Traslatio, que, neste caso, suporá a demolición de dúas edificacións destinadas a escola de piragüismo e oficinas e a rehabilitación integral da estación marítima do peirao de pasaxeiros do porto de Vilagarcía de Arousa.
Inclúese tamén a urbanización das zonas onde actualmente se sitúan as edificacións a demoler e unha zona aberta lindeira á estación marítima.
No marco deste acordo, Turismo de Galicia comprométese a elaborar o proxecto, contratar a súa execución, dirixir as obras e encargarse da súa xestión ata completar a súa finalización.
A Autoridade Portuaria de Vilagarcía, pola súa banda, porá á disposición, libres de cargas e gravames, todos os terreos necesarios para a execución das obras e, unha vez rematadas, terá que encargarse do seu mantemento e conservación.