Faise pasar por outro condutor ao dar positivo nunha proba de alcoholemia e ter retirado o carné
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra logrou encontrar o condutor que usurpou a personalidade dun amigo para evitar a sanción que lle correspondía ao dar positivo nun control de alcoholemia ao que foi sometido cando circulaba sen luces pola Avenida Bos Aires o pasado 12 de outubro ás 7.00 horas da madrugada.
O condutor fora detectado ao circular nun vehículo Ford Fiesta coas luces apagadas. Ante esta situación, unha patrulla policial requírelle a documentación tanto do vehículo coma do permiso de conducir. O condutor identifícase como D.G. e na proba de alcoholemia ao que se lle somete ofrece un resultado positivo dando 0,57 na primeira proba e 0,58 na segunda. Os axentes proceden a realizar a denuncia por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas, cunha proposta de sanción de 500 euros e a retirada de 6 puntos no carné de conducir, ademais da inmobilización do turismo.
O condutor, molesto pola sanción, alegaba que tivera que trasladar a un amigo a Montecelo e que estaba preocupado pola mancadura importante do seu compañeiro
ALEGACIÿN DO AUTÿNTICO D.G.
Dous meses máis tarde, preséntase un escrito de alegacións asinado por D.G. indicando que ese día ingresara ás 4:00 desa madrugada en Urxencias no Hospital Montecelo e que permanecera nese servizo ata as 11:00 horas, polo que resultaba imposible que se encontrase as 7:00 horas na Avenida de Bos Aires. Sinala, nese mesmo escrito, que esa madrugada fora trasladado a Montecelo no seu vehículo por varias persoas e que garda a súa documentación no interior do turismo, indicando que descoñece quen podería ter collido o coche e ter usurpado a súa personalidade mentres se encontraba no Hospital.
Unha vez contrastados os feitos, a Policía Local iniciou unha investigación para localizar a persoa que realmente conducía o vehículo e que se identificara como a persoa que estaba ingresada en Montecelo utilizando a documentación que se encontraba no vehículo. A través de fotografías e dunha investigación entre as amizades de D.G. e entre o transporte público utilizado aquela madrugada, os axentes que realizaran o control de alcoholemia conseguen identificar o posible autor da infracción, que responde ás iniciais J.L.R.L..
O presunto infractor, segundo informan fontes policiais, ten en vigor unha suspensión do permiso de conducir. Ante estes feitos, a Policía Local procedeu á apertura de dilixencias ao xulgado por un presunto delito de usurpación de identidade e por un delito contra a seguridade do tráfico por conducir un vehículo con perda de vixencia do permiso de circulación ao ter perdido os puntos asignados.