A deputada socialista Paloma Castro esixe á Xunta unha atención sanitaria de calidade no centro de saúde de Arcade
Por Redacción
A deputada autonómica polo PSdeG-PSOE, Paloma Castro presentou varias iniciativas parlamentarias esixindo "unha sanidade de calidade" no centro de saúde de Arcade "que garanta o servizo que os veciños e veciñas merecen".
Ante a falta de dotación de persoal e recursos, lembra que a actividade sanitaria no centro de Arcade sostense con tres médicos, que desde hai ano e medio carecen de pediatra, de servizos de retinografía e espirometría, de sala de probas e dunha sala específica para atender as urxencias.
Engade que esta "precaria situación" da atención sanitaria pública en Arcade ten que atender a 7.500 persoas, das que un milleiro son menores "que só poden ser atendidos baixo cita previa cando teñen a sorte de que o Sergas envía algún pediatra substituto pola falta de medios humanos, de medios técnicos e falta de instalacións".
Ademais, a deputada socialista reclamou á Consellería de Sanidade que dean cumprimento ao compromiso do anterior conselleiro sobre a construción dun novo centro de saúde no momento en que o Concello de Soutomaior cedese unha parcela. Neste sentido lembraba que os terreos "xa foron postos ao dispor e están en fase de rexistro, pero falta a mostra de vontade política por parte do goberno galego que non o incluíu nos Orzamentos para 2024".