O alcalde de Bueu supervisa as obras de acondicionamento no paseo de Agrelo
Por Redacción
O alcalde de Bueu, o nacionalista Félix Juncal, supervisaba este luns persoalmente o acondicionamento que desde a semana pasada está a realizarse na praia de Agrelo. Os temporais do pasado inverno provocaron o derrube dun tramo deste paseo transitado durante todo o ano e especialmente nestes meses estivais.
No caso deste areal está a realizarse movemento de area para tapar a canle fluvial que atravesa a praia e facer ao tempo unha distribución de area adecuada para o uso de bañistas este verán. Tamén se procede á retirada de dúas árbores afectadas polos temporais e o traslado dalgúns perpiaños para asegurar provisionalmente a parte do paseo que se derrubou.
Juncal mostrou o seu malestar con Costas do Estado xa que aínda "non asumiu as súas competencias na reforma integral deste paseo" e polo que a administración local decidiu asumir o acondicionamento.
Esta actuación súmase aos traballos que desde finais de xuño está a acometer o Concello de Bueu para acondicionamento das praias do municipio e que inclúen arranxo de pasarelas e casetas, instalación de baños, roza de accesos e dotación de socorristas que comezará a funcionar nos próximos días.