A nova lei de reforma de Administración Local, a debate en Marín
Por Redacción
O club de opinión Portocelo coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias organiza unha charla-coloquio sobre a nova lei de reforma de Administración Local (Lei Racionalización e sostibilidade da Administración Local) en vigor dende o pasado mes de xaneiro na que intervirá o presidente de Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Xosé M. Rei Vila, licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e actualmente alcalde da cidade de Ferrol.
O presidente do club Angel G. Carragal, que exercerá como presentador e moderador do debate, explica que "a nova lei considera cambios profundos nas Bases de Réxime Local e unha redefinición da estrutura da administración local e do exercicio das súas competencias que as limita impulsando ás deputacións. Tanto é así que os partidos oposición ao goberno do PP xa anunciaron a presentación de recursos ante o Tribunal Constitucional pedindo a anulación da reforma por considerar que coa nova lei se reduce o poder de decisión local coa retirada de moitas das competencias que ata agora tiñan os concellos".
O debate desenvolverase o mércores 12 na Biblioteca Pública ás 20.00 horas, aberto a todo o público, pero especialmente dirixido a aquelas persoas directamente vinculadas aos concellos como: funcionarios, grupos políticos ou sindicatos que poderán intervir no coloquio que seguirá á exposición do relator.