Buscan a mellor fórmula para celebrar a Festa da Ameixa nun ano "moi duro" para o marisqueo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Representantes do Concello de Poio e das tres confrarías do fondo da Ría de Pontevedra mantiveron o venres unha reunión para buscar fórmulas para a celebración da Festa da Ameixa de Campelo o vindeiro mes de setembro.
Na reunión estiveron presentes representantes das confrarías de San Gregorio de Raxó, Lourizán e San Telmo de Pontevedra e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que sinalou que o Concello "é consciente das dificultades que están atravesando este ano", coa mortalidade masiva de marisco que levou a pechar os bancos marisqueiros de toda Galicia.
Ante estas dificultades, desde o Concello queren "ser útiles co sector, buscar a fórmula que lles beneficie nun ano e nunha situación excepcional e moi complicada".
O alcalde explicou que é o momento de avanzar con todos os preparativos e resulta necesario ter claro que se vai facer na edición deste ano. Considera que o mellor é decidilo "escoitando aos protagonistas, coñecendo as súas opinións e consensuando con eles que é o mellor para os seus intereses".
Ángel Moldes recordou que o obxectivo da festa é dinamizar a economía e potenciar a imaxe do concello, pero tamén poñer en valor os produtos e a xente do mar, e por iso "é fundamental ir da man co sector, escoitar as súas inquedanzas para acertar coa fórmula que beneficie a mariscadoras e mariscadores que levan un ano moi duro" .
As confrarías propuxeron que a Festa da Ameixa de Campelo se celebre a finais de setembro tendo en conta as mareas, para poder asegurar a extracción do mellor produto posible.
Relacionadas:
-
"Incerteza" e ausencia total de ingresos a un mes de que abra o marisqueo a pé, pechado desde xaneiro por mortalidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O marisqueo na ría, en alerta: "Non hai berberecho nin para facer unha empanada"
Por Alejandro Espiño |
-
A APDR apoia a manifestación das mariscadoras da Ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O marisqueo a pé da ría concentrarase en Campolongo para reivindicar a dignidade laboral
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Ata o 22 de xullo non se volverá a mariscar na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |