A oposición reclama ao goberno de María Ramallo que solucione a falta de aparcamentos en Marín
Por Oskar Viéitez
Os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista no Concello de Marín esixen al goberno local que solucione o problema de falta de prazas de aparcamento no municipio
A voceira do BNG, Lucía Santos, manifestou a súa "profunda preocupación" por este "grave problema" e acusou ao goberno local de actuar con "improvisación" durante os últimos 13 anos.
O BNG propuxo un estudo de viabilidade para a construción dun aparcadoiro na parcela situada na rúa Dichosa, en Tiro Naval Janer, o único espazo no centro da vila identificado no PXOM para uso dotacional. Ademais, no pasado mes de abril, o BNG suxeriu iniciar negociacións para utilizar unha parte do solar de Méndez Núñez para crear aparcadoiros temporais.
Lucía Santos declarou que "grazas á súa prepotencia e á continua ridiculización das nosas propostas, é a veciñanza a que padece a dificultade para acceder á vila, e o comercio local sofre as consecuencias".
No último pleno municipal, o BNG tamén destacou a necesidade de implementar solucións para calmar o tráfico, como a implantación dun sistema de transporte urbano que conecte as parroquias co centro da vila.
O PSOE de Marín propuxo nese mesmo pleno crear un aparcamento en altura onde agora se atopa o esqueleto do inacabado mercado de Cantodarea, xusto no límite con Pontevedra pola estrada vella.
Para Manuel Pazos, portavoz socialista "construir un aparcamento en altura onde está o esqueleto do que ía ser o mercado de Cantodarea para uns 90 vehículos, é fundamental para favorecer a rehabilitación de vivendas en Outeiro, Cantodarea e Pedreiras e serve para desconxestionar outros aparcamentos como praza do Regueiro ou Sagrada Familia".
Os socialistas valoraron coma "decepcionante" o voto en contra do PP e tamén a abstención do BNG, e culpan á alcaldesa María Ramallo de "non ter ningunha alternativa para Outeiro, Cantodarea e Pedreiras e de deixar morrer o barrio coa súa inacción".
Relacionadas:
-
Cara finais de ano retiraranse as máquinas da Avenida de Ourense e será traspasada ao Concello de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Críticas pola "caótica situación" de mobilidade nas praias de Portocelo e Mogor
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE marinense esixe cambios no proxecto do parque Eguren e o BNG reafirma a súa oposición
Por Redacción |
-
O PSOE propón converter a estrutura do Mercado de Cantodarea nun aparcamento en altura
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local buscará o apoio da oposición para o aparcadoiro subterráneo no Parque Eguren
Por Oskar Viéitez |