Unanimidade da corporación de Poio contra o parque eólico no Castrove
Por Oskar Viéitez
A corporación municipal de Poio aprobou unha declaración institucional en contra do proxecto do parque eólico do Castrove.
Foi no pleno ordinario de xuño, que se celebrou este mércores, no que recoñeceron a necesidade de realizar unha transición das enerxías fósiles a fontes de enerxías renovables, sustentables e non contaminantes, pero aseguraron que a xeración destas enerxías verdes debe ser compatible co medioambiente, co patrimonio e coa poboación da contorna.
Neste senso, a Corporación poiense sinalou que a instalación e posta en funcionamento deste parque eólico no Castrove suporía un grave impacto visual e paisaxístico, con afección ao medio natural pero tamén aos núcleos de poboación no emprazamento e na zona máis ampla.
Ademais, expresaron a súa solidariedade cos veciños preocupados pola tramitación deste proxecto e encomendaron á Comisión Informativa de Urbanismo consensuar e ditaminar un documento de alegacións que recolla, coa maior efectividade, a postura dos distintos grupos políticos e da veciñanza.
PORTO DE COMBARRO
A corporación municipal de Poio tamén amosou o seu apoio unanime á aprobación inicial do Plan Especial do Porto Deportivo de Combarro, un documento "moi necesario pero máis aínda, moi agardado, xa que se vai producir 15 anos despois de ser inaugurado o Porto Deportivo", sinalou a concelleira de Urbanismo e Turismo, Rocío Cochón, que incidiu na "importancia de impulsar o pleno uso dunha instalación clave para o futuro de Combarro, incluída a actividade nun novo espazo municipal nun extraordinario emprazamento".
O alcalde Ángel Moldes apuntou que "doado non debe ser este documento, cando levamos quince anos esperando por el. Nós estamos traballando con responsabilidade, e en só un ano conseguimos traelo a pleno, buscando solucións a problemas históricos".
Tras a aprobación inicial, abrirase un período de alegacións antes da aprobación definitiva.
Este documento, segundo explicou Cochón, cando se aprobe de forma definitiva, permitirá "ordenar e dar plena seguridade xurídica" ás instalacións portuarias e a todas as actividades que hai hoxe e ás futuras no ámbito definido na Delimitación de Espazos e Usos Portuarios que alcanza os 45.317 metros cadrados. E permitirá tamén poñer a disposición do concello un espazo de 257 metros cadrados na zona comercial para os usos de interese municipal que se determinen e que, asegurou, "en todo caso serán complementarios á actividade portuaria, non lucrativos e acordes á importancia do emprazamento e da súa contorna".
Por último, subliñou que esta versión do Plan Especial "cumpre todo o esixible tanto no contido como no obxecto, na finalidade, e na conformidade coa lexislación vixente" para que "Combarro e Poio sigan crecendo, de forma ordenada e sustentable, garantindo emprego, riqueza e seguridade xurídica e a prestación de servizos para todos".
IES DE POIO
A corporación tamén amosou consenso para apoiar as reclamacións do ciclo do Medio Natural do IES de Poio. A concelleira de Educación, Natalia Sabarís, apuntou que "hai unha necesidade no centro, a solución está comprometida e o interese desta moción é, simplemente, facelo visible". Así, subliñou que é unha formación "atractiva e novidosa, supón unha oportunidade para moitas mozas e mozos de Poio e incluso doutros concellos para formarse nunha especialización cun alto índice de empregabilidade, e por iso debe contar tamén co equipamento e material necesarios para levalo a cabo".
Nesta liña, recordou "o apoio incuestionable" do Concello de Poio a toda a comunidade educativa e, por iso, "desde o primeiro momento ofrecemos toda a nosa colaboración á dirección do centro para manter conversas coa Consellería de Educación para solicitar que atendesen estas reclamacións". Unhas reclamacións que, recordou, xa contan co compromiso da Xunta de Galicia para aumentar o investimento en adaptacións e equipamentos de cara o próximo curso.