Victoria parcial de Laureano Oubiña sobre 'Fariña': deberán retirar unha escena de sexo que protagoniza
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de dar ao histórico narcotraficante de Cambados Laureano Oubiña unha vitoria particial sobre Atresmedia, Netflix e Bambú Produciones, responsables da serie Fariña.
O Xulgado Mixto número 3 de Vilagarcía desestimou unha demanda presentada polo capo na que pedía unha indemnización de 1,5 millóns de euros por vulnerar o seu dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe coa serie, pero, tras un recurso, agora a Audiencia recolle parte dos seus argumentos.
Oubiña, representado polo avogado pontevedrés Jorge Paladino, acusaba á serie de ofrecer unha "imaxe falseada e ridiculizada" e cuestionaba varias escenas de sexo explícito que protagonizaba e tamén que se usase o seu nome real, pero a sección terceira da Audiencia só estima parcialmente o seu recurso e entende que os responsables da serie unicamente actuaron de forma non procedente cunha escena de sexo.
A demanda reprochaba unha serie de escenas con contido sexual explicito como a que o mostra mantendo relacións con Esther Lago cando irromperon na súa casa para detelo pola operación Nécora, unha na que lle toca o "membro viril" xusto cando chega a súa primeira esposa e un ‘cara a cara’ no cárcere no que el non pode manter relacións pola presión.
A Audiencia só cuestiona a primeira delas, a do capítulo 1 da serie na que mantén relacións con Esther Lago. A sentenza aínda non é firme e poderá recorrerse no Tribunal Supremo, pero, de momento conseguiu que se retire.
A resolución da Audiencia de Pontevedra conclúe que os responsables da serie "vulneraron o dereito á Intimidade persoal" de Oubiña nesa escena e condénaas a "cesar en tal intromisión" retirando esta escena en todas as plataformas de Antena 3 e da súa web unha vez que a sentenza sexa firme.
Ademais, Bambú, Atresmedia e Netflix deberán indemnizarlle con 15.000 euros polos danos desa escena.
Oubiña cuestionaba un tratamento "calumnioso, burlesco, vejatorio ou degradante á súa persoa na serie" en xeral, alegando que o prexuízo era maior ao nomearlle a el polos seus nomes e apelidos, pero a Audiencia entende que "só se menoscaba a súa intimidade" no relativo á privacidade da súa vida familiar íntima.
Así, mantén que "a reputación do Sr. Oubiña e todo o que vén aducir referido á súa consideración e reinserción social, do mesmo xeito que as cuestións de familia carecen de relevancia" e só ven "dano moral" de alcance "limitado" no relativo a esa escena.
Relacionadas:
-
"Fariña" non vulnerou a honra de Laureano Oubiña
Por Redacción |
-
"A súa honra póñena en perigo os seus propios actos", a resposta de 'Fariña' á demanda de Oubiña por "ridiculizalo"
Por Natalia Puga |
-
Folga indefinida dos avogados da quenda de oficio: "Somos unos esclavos"
Por Oskar Viéitez |
-
Laureano Oubiña leva a xuízo aos creadores da serie "Fariña"
Por Redacción |