Abertas as axudas para a rehabilitación de vivendas na zona vella de Marín e na Banda do Río Lameira
Por Oskar Viéitez
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este martes que se abre o prazo para pedir axudas de rehabilitación en edificios e vivendas que formen parte do ámbito Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Casco Vello e da Banda do Río Lameira.
A liña de axudas pretende axudar a sufragar a mellorar dos inmobles en materia de eficiencia enerxética, habitabilidade, accesibilidade, conservación... Tamén son susceptibles de subvencionar os honorarios dos profesionais asociados ás obras e os gastos administrativos.
As persoas beneficiarias destas axudas son as propietarias, arrendatarias, inquilinas ou os titulares dalgún dereito de uso sobre inmobles de tipoloxía residencial unifamiliar ou colectiva.
Como condicións para concorrer á axuda deberán contar coas licenzas e autorizacións administrativas que correspondan e non ter rematadas as obras na data de presentación da solicitude de axudas.
As vivendas baleiras non recibirán axuda e terán que ser vivendas destinadas a domicilio habitual e permanente para uso propio ou aluguer durante, como mínimo, 5 anos.
Además para poder recibir estas axudas os ingresos da unidade familiar da persoa solicitante non debe superar 6.5 veces o Iprem, agás que a vivenda sexa alugada ou as obras se realicen nos elementos comúns.
O prazo de solicitudes estará aberto ata o 26 de xullo e as obras deben estar rematadas antes do 30 de xuño do próximo ano.