Ana Barros Peluquería, a referencia en Pontevedra en perrucas oncolóxicas
A caída do cabelo debido aos tratamentos oncolóxicos é un dos efectos secundarios máis temidos tras un diagnóstico de cancro. Habitualmente, a perda de pelo asóciase con esta enfermidade, e a moitas persoas incomódalles que os demais saiban que a están padecendo.
Por iso, o persoal médico explica os pacientes como vai ser o seu tratamento e en que prazo se vai producir a caída do cabelo. Isto permítelles prepararse con anticipación para enfrontar ese momento nas mellores condicións posibles.
Dende hai máis dunha década, Ana Barros Peluquería (Marqués de Riestra, 14, Pontevedra) é un dos centros de referencia en perrucas e próteses capilares a medida para todo tipo de problemas que conleven unha perda de cabelo.
Na "cabina vip", nome co que denominan cariñosamente á acolledora sala na que atenden ás persoas que se interesan por unha perruca oncolóxica, charlamos con Ana Barros.
– Cando empezaches a ofrecer o servizo de perrucas oncolóxicas no teu salón de peiteado?
Eu empecei a traballar con próteses capilares para señoras que tiñan alopecias e cabaleiro. Viña un protésico de Barcelona unha vez ao mes para atender ao cliente e ensinarme a min. Gustoume o tema e empecei a profundar e formarme. Foi por mor da enfermidade dunha compañeira de traballo, unha leucemia con 30 anos, onde xa evolucionei cara ás perrucas oncolóxicas, fai uns 15 ou 16 anos.
Era unha moza nova e quería unha perruca moderna, buscamos e en Galicia non había ningún sitio onde atopalas. Entón empecei a viaxar ás feiras do sector e deime conta de que había un oco baleiro, non podía ser posible que só haxa perrucas para as señoras maiores, porque a xente nova tamén enferma. E ela foi a que me iniciou no mundo oncolóxico e as perrucas para todas as idades e estilos.
– E como é o proceso cando unha persoa chega interesándose por unha perruca oncolóxica?
Eu levei á zona de quimioterapia e oncoloxía folletos de información sobre perrucas, e tamén dei charlas ás pacientes. E cada día doume conta de que veñen recomendadas polos oncólogos. Agora mesmo o oncólogo, sexa home ou muller, xa lles está dicindo, dunha maneira moi sutil: "vaiche caer o pelo, isto é por se necesitas ter información de perrucas".
Unha vez que veñen, primeiro tráioas a este espazo, que nós lle chamamos a "cabina VIP". É unha sala reservada, máis acolledora e íntima. Para que poida estar a persoa coa súa familia, ou a xente que a queira acompañar, e eu.
Normalmente chegan desesperadas. "En vinte días váiseme caer o pelo!". Entón, falas, escoitas, choran... e doulles esa confianza que, ao estar con tanta xente na súa mesma situación, elas necesitan. Podes "facerllo bonito", entre comiñas.
Non podes dicirlles que só é pelo e un día crecerá, como con toda a boa vontade a miúdo lles di a súa contorna. Eu sempre pregunto: Que é o que necesitas? Tráiolle perrucas, probo unha, probo outra, probo modelos, e tamén lle explico as calidades e o presuposto, evidentemente, porque a verdade é que unha boa perruca non é barata.
– A partir de que prezo se pode adquirir unha perruca?
"Moitas veces veñen coa idea de que coa perruca vanse sentir maiores ou disfrazadas. E non é así. Por iso é importante o asesoramento"
Nós temos perrucas a partir de 300 euros. É moi importante que teñan unha calidade, para que se vexan o máis naturais posibles. Moitas veces veñen coa idea de que coa perruca vanse sentir maiores ou disfrazadas. E non é así. Por iso é tan importante o asesoramento e probar, ao final danse conta de que realmente parece o seu pelo. E ata chancean. "Case me gusta máis que o meu pelo", dixéronme máis dunha vez, e iso é moi bonito.
– Cando o presuposto non alcanza, tamén ofrecedes a posibilidade de arranxarlles unha perruca que lles prestaran ou que veñan do banco de perrucas da AECC, por exemplo?
Si, por suposto. É un servizo totalmente gratuíto e gustaríame que quen o necesitase que, por favor, veña polo salón de peiteado, que imos axudarlle e asesorarlle sen ningún compromiso nin custo.
A maiores, se unha persoa comprou a súa perruca noutro establecemento, aquí tamén realizamos o peiteado, o corte ou uns retoques, como calquera servizo de salón de peiteado.
– Durante o tratamento oncolóxico, é preferible unha perruca de fibra ou de pelo natural?
Para un tratamento de quimio, eu recomendo fibra. E xa non é por prezo, é porque en cuestión dun ano vai recuperar o seu pelo. Entón, eu creo que é máis cómoda a fibra, porque a podes lavar en casa, é máis económica e en menos dun ano vas ter o teu pelo.
Cando é un problema de alopecia, que vas estar anos ou toda a vida sen cabelo, entón si que recomendo o pelo natural, porque nestas perrucas podes variar a cor, peitealas ou usar ferro alisador, e teñen ademais maior durabilidade.
– Adóitase tomar a decisión nunha primeira visita?
Eu doulles a opción de que poden deixar reservadas tres ou catro perrucas e de que volvan outro día para probalas, porque é unha compra que non podes tomar unha decisión rápida. Entón eu tampouco quero apuralas. Moitas veces pídenme volver con amigas, con nais, con irmás, con fillos ou co marido. Iso é o normal.
– Cal é o perfil das clientas en perrucas oncolóxicas?
"Eu doulles a opción de que poden deixar reservadas tres ou catro perrucas e de que volvan outro día para probalas"
A min agora mesmo estame sorprendendo. Hai tanta xente que de súpeto vén, unha señora e unha moza nova, crees que é para a señora e resulta que é para a moza. O mesmo en perrucas para alopecias. Hai moitísimos adolescentes que por estrés teñen caídas de pelo importantes.
Aínda así, a gran maioría en oncoloxía pode estar entre os 40 e 60 anos, aínda que tamén hai xente de 80 e máis novas.
– Cando xa se van coa súa perruca, asesóraselles para saber como poñela na casa?
Cando se van de aquí levan, como digo eu, un curso acelerado. Estamos o tempo que faga falta practicando: saca, pon, saca, pon... ata que elas se sintan seguras. É fácil, pero ás veces, pola súa situación, parécelles que é un mundo e que non van ser capaces de poñela ben cando estean soas. Mesmo non queren mirarse ao espello, e por iso tomámonos todo o tempo que necesiten.
Eu sempre lles digo que é como as lentes de contacto, que ao principio as pos e sacas con medo ata que ao final falo case sen mirar. Tamén lles lembro que, se algún día teñen algún problema coa perruca, eu vou estar aquí sempre.
– E que consellos de mantemento lles das?
Son consellos sinxelos. As perrucas de fibra lávanse en casa en auga fría, coma se lavases unha peza delicada, sacúdela e está peiteada sempre.
A de pelo, non. Se a lavas en casa e non a peiteas, quédache como o pelo natural, despeiteado. Pero se queres peiteala unha vez ao mes no salón de peiteado e traballala, perfecto.
Tamén recomendo que, unha vez que cheguen a casa, as quiten. Sempre lles comento que, se eu saio á rúa, póñome os meus tacóns e os meus pendentes. Pero tan pronto chego a casa, o primeiro que fago é quitar os tacóns, quitar os pendentes e poñerme cómoda. Coa perruca, o mesmo, é un complemento, e ao chegar a casa podes poñerte un gorriño ou, se estás a gusto, non poñerte nada.
– Para as persoas que prefiran un pano ou turbante, tamén ofrecedes alternativas?
Hai xente que non quere perruca, polo motivo que sexa. Unha alternativa son os panos. Pero, se non pos nada de pelo, a xente dime que parece que se nota que levas unha etiqueta de que estás enferma. Entón, poslle un floco, que é moitísimo máis económico que unha perruca, por 65 euros, e realmente pasas desapercibida. É coma se levases un turbante co teu pelo debaixo.