Invisten 140.000 euros para mellorar o alumeado e os vestiarios do campo de fútbol de Príncipe Felipe
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A finais de xullo está previsto que rematen as actuacións de mellora do alumeado e remodelación dos vestiarios que se están a realizar no campo de fútbol de Príncipe Felipe.
Este martes, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto co deputado provincial Javier Tourís, e membros do servizo de Arquitectura da institución provincial supervisaron estas actuacións nas que a institución provincial está a investir máis de 140.000 euros.
No caso do alumeado, cun investimento de preto de 80.000 euros, as obras están xa rematadas e nestes momentos estanse a levar a cabo as probas finais de funcionamento. Así, substituíuse a iluminación existente por uns proxectores máis eficientes, que reducirán o consumo enerxético nun 50% e conseguirán unha iluminación adecuada que asegure a correcta visualización do campo de xogo. Ademais, este novo sistema de iluminación cumpre cos requisitos esixidos na normativa aplicable.
Pola súa banda, no caso dos vestiarios as obras de remodelación reiniciáronse a comezos de xuño tras ter que ser suspendidas en novembro debido ás inclemencias meteorolóxicas e prevese que estean rematadas a finais de xullo.
Nesta actuación, a Deputación de Pontevedra está a investir preto de 60.000 euros para emendar as filtracións de auga que se producían a través da cuberta "tras 8 anos sen mantemento". Deste xeito levarase a cabo unha remodelación do conxunto dos vestiarios, que constan dun soportal e vestíbulo que serve de acceso a unha serie de módulos prefabricados. Co fin de solucionar a entrada de auga, óptase por impermeabilizar a cuberta e por recoller as augas en caleiros pregados de aceiro e baixantes exteriores.
Ademais, na soleira que existe na actualidade proxéctase unha calexa corrida de saneamento á que se verterán as augas da cuberta e se conectará á rede de saneamento do campo.
Relacionadas:
-
Volven os adestramentos ao campo de Príncipe Felipe, pero os partidos terán que esperar
Por Redacción |
-
Aprobados novos investimentos en Príncipe Felipe e a venda dunha parcela no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
Apontoan provisionalmente o muro de contención do campo de fútbol do Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Prevista a mellora da iluminación do campo de fútbol do Príncipe Felipe
Por Redacción |