Daniel Carramal (Loaira), a polo título da mellor tapa de Galicia
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
"Trasmallos entre neboeiro". Ese é o nome da proposta gastronómica que defenderá Daniel Carramal, do restaurante Loaira, que será o representante de Pontevedra no certame De Tapas por Galicia 2024, que reunirá a cociñeiros das sete cidades galegas.
A oitava gala deste evento, organizado por Turismo de Galicia, terá lugar o 9 de xullo no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela.
Cociñeiro por vocación familiar, Daniel Carramal comezou a súa andadura no restaurante Eirado da Leña, do chef Iñaki Bretal, quen o derivaría a outro dos seus restaurantes, Loaira Xantar, onde remataría por ser xefe de cociña.
A tapa coa que concursará é unha obra conceptual do equipo do Loaira, unha deconstrución do prato estrela do local: arroz negro de chocos con prebe de ali-oli e alga Nori, un bocado de choco de cocción lenta, sobre crocante de arroz negro e acompañado por un prebe de cenoria.
Daniel Carramal enfrontarase a Kevin Carreño de Nikko Espacio Gastronómico (Vigo); Gabi Conde de Ourense (Restaurante Portovello); Álvaro Pérez de Santiago (Artesana Gastrobar); Manu Triay de Taberna Triay por Coruña; Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol) e Bret Fernández de Prebe by Bret (Lugo).
Os sete cociñeiros das cidades disputarán dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado, que valorará cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor; e por outra, o premio do xurado popular, que se elixirá mediante televotación.