Auga para todos os gustos no Parque de Rosalía de Castro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os termómetros marcaba 18 graos este xoves 20 de xuño pero o atractivo de estrear un parque de auga en Pontevedra era razón máis que suficiente para que un grupo de escolares vestisen o bañador e se achegasen ata o Parque de Rosalía de Castro.
Alí os concelleiros do grupo de goberno Xaquín Moreda e Alberto Oubiña, acompañados de integrantes da agrupación socialista co portavoz Iván Puentes á fronte, inauguraban esta nova instalación situada no acceso ao Pazo da Cultura e ao Recinto Feiral.
O parque ofrece diferentes xogos nos que a auga é o principal protagonista. Difusores, chorros e elementos que salpican provocaron as risas entre os máis pequenos, incluso algún bebé tivo a oportunidade de mollarse acompañado polos seus familiares.
Esta nova instalación atópase nunha contorna destinada ao divertimento infantil no que destaca un castelo de grandes dimensións.
A celebración contou cunha festa con animación infantil e actividades de globoflexia.