Buscan dúas persoas en Monte Porreiro por golpear outra cunha barra de ferro
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra puxo en marcha na tarde deste xoves un dispositivo de procura no barrio de Monte Porreiro para localizar dúas persoas que presuntamente agrediron outra cunha barra de ferro.
Ocorreu ao redor das 15.00 horas á altura da gasolineira de Cepsa situada entre as rúas Francia e Italia de Monte Porreiro.
A primeira alerta chegou a través dunha chamada cidadá ao 112 Galicia, que indicaba que había dúas persoas discutindo na rúa e unha agredira á outra usando unha barra de ferro.
A Policía Local dirixiuse á zona. Unha vez alí, comprobaron que había un home ferido que precisou atención sanitaria no momento.
Segundo a información que manexa a Policía Local, un home que logo fuxiu do lugar agrediu a este cunha barra de ferro e hai implicada unha terceira persoa que presenciou os feitos. Fuxiron tanto o suposto autor material da agresión como esoutra persoa.
Tras ter coñecemento dos feitos, a Policía Local iniciou a procura desas dúas persoas e a media tarde deste xoves aínda non as localizara.
O ferido recibiu a atención dunha ambulancia no propio lugar dos feitos, pero logo non foi trasladado a ningún centro sanitario porque pediu a alta voluntaria.
Os policías tamén tratan de esclarecer as circunstancias da discusión e posterior agresión.