O Porto de Marín contará cun software personalizado de previsión meteorolóxica
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra aprobou un convenio de colaboración con Portos do Estado para impulsar o proxecto Samoa que se centra na medición e predición de variables océano-meteorolóxicas. Este proxecto púxose en marcha no Porto de Alxeciras con bos resultados e agora trasládase ao Porto de Marín.
Este procedemento permite unha descrición detallada das condicións do mar e da atmosfera. Samoa contén un software personalizado aplicado ás instalacións portuarias de Marín con información meteorolóxica, un sistema de previsión de alta resolución, un sistema de predición de ondada e outro de correntes no interior do Porto, ademais da inclusión do Porto nunha estación meteorolóxica e estudos da variación do nivel medio do mar mediante estación GPS.
GAS E ATRAQUE
O Consello tamén aprobou a concesión administrativa para a empresa Gas Galicia Sociedade para o Desenvolvemento do Gas S.A., coa intención de dotar de subministración tres empresas frigoríficas, para que poidan mellorar así os procesos de fabricación de produtos elaborados.
Na reunión do Consello decidiuse ademais autorizar o atraque nos peiraos da Illa de Ons e do Porto de Marín para barcos de pasaxeiros de ría dende o 1 de marzo ata o 30 de setembro deste ano.