O muro do parque Costa Xiráldez cobrará vida cunha obra de Isa Bermúdez
Por Redacción
A ilustradora Isa Bermúdez, nada en Alemaña e residente en Carballo, será a responsable de dar vida ao muro do parque Costa Xiráldez, en Lourido (Poio), coa súa obra 'A Viaxe'.
Bermúdez foi a gañadora do concurso de murais 'People & Planet', convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O xurado valorou a capacidade da súa obra para crear e representar unha historia na que unha rapaza busca unha lagoa non contaminada para devolver ao seu amigo peixe á casa.
Tamén valorou o xurado que o logrou cun debuxo propio, dividido en seccións, que encaixa coa contorna do parque de Lourido.
Este é o segundo ano que o Fondo Galego de Solidariedade convoca o Concurso de Murais People & Planet, dirixido á mocidade de 18 a 35 anos, co que colaboran os concellos de Poio, Viveiro, Verín e Moeche, e que está financiado pola Unión Europea e a Xunta de Galicia.
Xunto con Isa Bermúdez, ilustrarán o resto de murais dos outros tres concellos as propostas de Mikel Erkiaga, Noé Peiró e Raúl del Carmen. As autoras e autores gañadores viaxarán proximamente a Cabo Verde, co fin de coñecer a realidade dun país da África lusófona co que o Fondo Galego leva colaborando dúas décadas.