O goberno local ultima o Plan Especial do Porto deportivo de Combarro
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio ultima a tramitación do Plan Especial de ordenación do Porto deportivo de Combarro que permitirá ordenar e dar seguridade xurídica ás instalacións portuarias, 15 anos despois da súa inauguración.
Segundo informou a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, que someterá o documento a ditame na Comisión de Urbanismo do martes para previsiblemente levalo ao Pleno este mesmo mes para a súa aprobación inicial, tralo que se abrirá un período de exposición pública.
A versión definitiva do Plan especial foi remitida ao Concello por Portos de Galicia o pasado mes de marzo, despois de actualizar o borrador de xuño de 2016 á normativa urbanística e á Lei do Solo de Galicia. Unha vez aprobado, o documento servirá para regular as actividades existentes e futuras, os aparcamentos ou as zonas comúns nos máis de 45.000 metros cadrados que comprende a zona portuaria.
Ademais, o plan inclúe a reserva dun espazo de 257 metros cadrados a favor do Concello. Este novo local municipal terá un uso "acorde cun emprazamento onde se dan a man o pasado e o futuro mariñeiros de Combarro", explicou Cochón, que destacou que para determinar o proxecto definitivo "se contará, en primeiro lugar, coa opinión dos veciños e colectivos da parroquia".
A responsable de Urbanismo celebrou "poder poñer fin a moitos anos de provisionalidade" e subliñou a importancia de dar seguridade xurídica "a unha instalación neurálxica para a economía, o turismo e a relación de Combarro co mar".
Relacionadas:
-
Renovado o acordo para habilitar prazas de aparcamento no porto de Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
Reforzo na atención turística de Poio durante o verán
Por Redacción |
-
O BNG de Poio denuncia que Valoriza leva un ano incumprindo o contrato do lixo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Rouba aceite e anchoas nun supermercado de Pontevedra e véndeos a un comercio de Combarro
Por Oskar Viéitez |