A profesora Lola Dopico, membro fundadora da Academia da Moda Española
Por Redacción
O Teatro Fernando Fernán Gómez de Madrid acollía na noite deste xoves o acto de entrega Premios Academia de la Moda Española 2024, a iniciativa coa que se pon en marcha unha academia recentemente constituída, que reúne representantes dos ámbitos do deseño, a industria, a imaxe ou a investigación.
Promovida pola Fundación Academia de la Moda Española, esta iniciativa botou andar co nomeamento de 129 académicos fundadores, entre os que se se atopa a coordinadora do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo, Lola Dopico.
Como explica Dopico, esta iniciativa foi promovida por unha fundación de recente creación, presidida polo deseñador Modesto Lomba e impulsada precisamente co obxectivo de pór en marcha unha academia "onde teñan cabida os deseñadores e deseñadoras, pero tamén a parte de artesanía, a investigación e a difusión", de tal xeito que permita congregar a "todos os colectivos que se reúnen en torno á moda".
Para a súa a posta en marcha, o padroado desta fundación convidou a converterse en académicos fundadores a profesionais de diferentes ámbitos, entre os que se atopa a nvestigadora da Universidade de Vigo.
Neste punto, Dopico, que participaba este xoves no acto de entrega de premios, recoñece este nomeamento como unha posta en valor "do traballo formativo, de investigación e de difusión que vimos facendo, primeiro co título propio de Esdemga e despois mestrado" adscrito á Facultade de Deseño.
Nese senso, destaca o seu nomeamento como académica fundadora como un recoñecemento "do traballo desenvolvido desde a Universidade de Vigo e desde o mestrado, que ten unha repercusión da que ás veces non somos moi conscientes".