A estación de tren estrea un aparcamento seguro para bicicletas e patinetes
Por Oskar Viéitez
A estación de Pontevedra conta xa cun aparcamento seguro para bicicletas e patinetes, unha iniciativa coa que Adif pretende contribuír a “promover a multimodalidad e a mobilidade sostible, ao integrar modelos de transporte limpos como o ferrocarril e a bicicleta”.
O novo aparcamento responde o modelo Bicihangar Rocket, que está preparado para un uso intensivo e, ademais, "protexe as bicicletas de condicións climatolóxicas adversas, roubos e vandalismo".
O aparcamento, tipo modular, pechado e cuberto, ten capacidade para seis bicicletas. O modelo é sostible e autónomo enerxéticamente e aliméntase con electricidade xerada por instalacións solares fotovoltaicas, que carga as baterías.
O aparcamento dispón dun sistema intelixente de apertura, evitando así a xestión de chaves físicas. O control de acceso realízase desde a app Don Cicleto, desde onde o usuario poderá visualizar a rede de aparcamentos seguros e a súa dispoñibilidade en tempo real, rexistrarse, reservar praza e xestionar os pagos.
O sistema de tarifas dos aparcamentos, que están operativos as 24 horas do día, 365 días ao ano, está adaptado a distintos perfís de usuario e a todo tipo de necesidades. Por exemplo, o tramo de ata 12 horas ten un prezo de 1,80 euros (0,15 euros/hora).