A Conferencia Internacional de Decrecemento reunirá máis de 1.200 participantes en 200 sesións académicas
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Máis de 1.200 participantes, entre os que se atopan tanto académicos de diferentes países como activistas, preto de 200 sesións paralelas, sete conversas plenarias e máis de 20 actividades divulgativas, artísticas e culturais para a toda a cidadanía.
Estas son algunhas das cifras da ESEE-Degrowth 2024, evento no que se agrupan a 15 Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento, que entre o 18 e o 21 de xuño desenvolveranse en Pontevedra, da man do Post-Growth Innovation Lab da UVigo.
"A convocatoria foi un éxito rotundo", sinalou o director deste grupo de investigación, Mario Pansera, na presentación da programación dun evento que "porá Galicia, Pontevedra e a Universidade no mapa da transición ecolóxica", ao congregar na cidade "a elite" da investigación sobre o cambio climático, a transición ecolóxica e a sostibilidade económica e social.
Xunto a Pansera, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentaron este mércores un foro internacional que por segunda vez engloba a celebración conxunta das dúas conferencias, sendo unha das edicións "con maior participación", segundo sinalan desde a organización.
De aí que Lantarón puxese o foco na "magnitude" dun congreso que se desenvolverá en diferentes espazos do campus e da cidade e que pon o foco nun tema "fundamental para a Universidade, como é a sostibilidade".
Nese senso, a vicerreitora destacou tamén a importancia de que o coñecemento xerado neste foro académico poida ter "unha transferencia á sociedade" e que do congreso poidan saír "documentos de consenso que poidan ser logo a base de normativas e políticas públicas que poidan mellorar a calidade de vida das persoas".
Nesa mesma liña, Fernández Lores resaltou o valor de contar na co Post-Growth Innovation Lab, un grupo de investigación que "posicionanos internacionalmente", así como a propia relevancia desta conferencia, tanto porque pon o foco en cuestións que "están na vangarda mundial", como polo "impacto económico" que poida ter na cidade.
Promovido por este grupo de investigación, xunto coa ESEE, o movemento Degrowth International e a asociación Research and Degrowth, a conferencia conta co apoio de Universidade, Concello, Consello Europeo de Investigación (ERC) e Consello Social da UVigo.