Detido por violencia de xénero un home que montou balbordo nun bar e en plena rúa e tentou pegar á súa ex
Por Natalia Puga & Anxo Lourido
As policías Nacional e Local de Pontevedra acudiron ao mediodía deste martes á contorna das rúas Virxinia Pereira e Pintor Laxeiro por un incidente no que un home montou balbordo nun bar e en plena rúa e acabou detido.
Todo ocorreu sobre as 14.00 horas e tivo a súa orixe nun bar da rúa Pintor Laxeiro. Un home aparentemente bébedo empezou a enfrontarse á clientela e os traballadores do local, tentando agredir a varias persoas.
No medio do enfrontamento, o balbordo trasladouse ao exterior do bar e logo regresou ao interior e, segundo a información facilitada pola Policía Nacional, o home tentou agredir tanto a clientes como aos traballadores do negocio e unha das persoas ás que se enfrontou era a súa ex parella.
A ex parella do protagonista traballa de camareira en bar e, tras o intento de agresión, alertaron á Policía e foi finalmente detido por un delito de violencia de xénero.
O enfrontamento chegou ata a rúa Virxinia Pereira e o protagonista chegou a estar medio espido, segundo relataron testemuñas presenciais.