A parcela de Valdecorvos segue a ser a opción favorita para construír a nova sede da Policía Local
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A concelleira responsable de Seguridade Cidadá no Concello de Pontevedra, Eva Vilaverde, ve "complexo" o proxecto exposto polo grupo municipal do Partido Socialista de crear un único edificio de emerxencias que reúna nunha mesma sede a Bombeiros, Protección Civil e ás comisarías de Policía Local e Nacional.
"Haberá que estudalo. De entrada, pois non é o habitual e haberá que mirar as disfuncións que crea", dixo nunha primeira valoración a esta proposta.
Eva Vilaverde considera que a idea terá que ser estudada conxuntamente coa Policía e tamén coa Subdelegación do Goberno pero "de entrada non parece o máis acaído".
A concelleira nacionalista explica que "estamos a falar de competencias de administracións diferentes nun edificio que sería conxunto e por tanto habería que mirar quen é o titular, quen se encargar do mantemento, como se distribúe, etc. etc. É complexo".
O Concello de Pontevedra continúa coa idea de facer un edificio de emerxencias en Valdecorvos, unha vez que o subdelegado do Goberno, Abel Losada sinalou a posibilidade de que a nova comisaría provincial da Policía Nacional ocupe a actual Casa do Mar de Mollavao, que o Servizo Galego de Saúde abandonará cando estea terminado o Gran Montecelo.
Segundo un estudo feito polo Concello de Pontevedra son seis os terreos que cumpren cos requisitos para este edificio de emerxencias. Isto é: ter uns bos accesos, tamaño mínimo de 8.000 metros cadrados, proximidade ao centro urbano, orografía, aparcamento e forma de adquisición, entre outras necesidades. Con estas características, as opcións con máis posibilidades son uns terreos en Rosalía de Castro, outros en Tafisa e os de Valdecorvos.
Esta última opción "é a máis viable" porque é de titularidade municipal e tampouco sería necesario modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal para ese uso.
"Non estamos parados", asegurou Eva Vilaverde para aclarar que o Concello segue traballando neste asunto.
A concelleira responsable de Seguridade Cidadá tamén precisou que depende da decisión que se tome, "se hai que facer un edificio novo ou hai que aproveitar unha infraestrutura que xa existe", se incluirán ou non os Bombeiros nese edificio de emerxencias.
Segundo indicou Eva Villaverde, o actual parque do servizo de extinción de incendios "agora está moi ben e vai aumentar o seu espazo coa zona que se ceda cando se finalice con toda infraestrutura do Nó de Bombeiros". A prioridade é a comisaría da Policía Local, segundo subliñou.