Condenan o 061 e o Sergas por deficiencias na base medicalizada do Hospital do Salnés
Por María José Pita
O despacho Eugenio Moure Abogados, especializado en dereito sanitario e consumo, informa da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "que confirma que as instalacións que o 061 pon ao dispor do seu persoal nun hospital do Sergas son notoriamente deficientes e non cumpren as condicións mínimas esixibles".
As instalacións ás que se refire a sentenza corresponden á base do Salnés, situada no Hospital Público do Salnés, en Vilagarcía de Arousa.
Relata o bufete de avogados que "determinados traballadores sanitarios reclamaron a través do noso despacho a mellora das súas condicións de traballo".
En concreto, que as instalacións permitan "a necesaria seguridade laboral" e dispoñer dun adecuado lugar para o descanso, "máxime nas longas xornadas".
DEFICIENCIAS NAS INSTALACIÓNS
As principais deficiencias detectadas na base do 061 eran a falta de vestiarios separados para homes e mulleres, a ausencia dun sistema de armarios que permita separar a roupa de traballo limpa da roupa sucia ou a inadecuada insonorización dos dormitorios de médico/a e enfermeiro/a, entre outros aspectos tamén cuestionados.
Argumentan que estas deficiencias redundan en "unha mingua da calidade do servizo público, pois se o traballador sanitario non goza da necesaria protección, por extensión tampouco o paciente ao que debe atender".
O despacho de avogados destaca que, con esta sentenza, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aprecia a responsabilidade compartida da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e do Sergas, "a primeira como empregadora e a segunda como titular das instalacións nas que se sitúa a base medicalizada".