Dous detidos no Grove como parte dunha rede que enganaba a narcotraficantes con falsos fardos de droga
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A máis recente operación antidroga desenvolvida pola Garda Civil e a Policía Nacional logrou a detención de seis persoas nas provincias de Pontevedra, Ourense e Salamanca como presuntos integrantes dun grupo que supostamente enganaba a narcotraficantes con falsos cargamentos de droga.
Deses seis sospeitosos, dous foron detidos o mércores no marco dunha serie de rexistros realizados en San Vicente do Mar, no Grove.
Estas dúas persoas pasaron a disposición xudicial en Cambados este xoves e, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 decretou a posta en liberdade dos dous.
A Fiscalía non pediu o seu ingreso en prisión e a xuíza, por tanto, non puido aplicalo. A un dos detidos impúxolle a obrigación de comparecer semanalmente no xulgado onde teña o seu domicilio.
A operación diríxea un xulgado de Salamanca que, en Galicia, tamén enviou un exhorto ao Xulgado de Xinzo (Ourense) para realizar un rexistro nesa localidade. Alí foi detido un menor.
O operativo conxunto comezou o martes en Salamanca e seguiu o mércores no Grove e Xinzo.
A investigación segue aberta e non se descartan máis detencións.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, contextualizou esta operación nas disputas entre delincuentes. "Os delincuentes van un pouco por diante moitas veces das Forzas e Corpos de seguridade e moitas veces entre eles compiten no mesmo mercado", sinalou en Vilaboa.
Neste caso, apareceron fardos falsos en praias que, segundo explica Losada, "forman parte dun mecanismo de engano entre bandas de narcotraficantes á hora de apropiarse de cargamentos que non son para eles e estafan a outros delincuentes".
A aparición destes falsos fardos resultou "un pouco sorprendente" e a investigación policial deulle unha explicación, aínda que Losada recoñece que evidencian que, ademais de ter falsos fardos, "evidentemente tamén terán fardos verdadeiros para facer o seu negocio".
Este tipo de conflitos entre delincuentes, tal e como recoñeceu o subdelegado do Goberno, "supoñen un incremento da inseguridade cidadá".
Relacionadas:
-
"Máis droga que nunca, máis violencia e menos medios", alerta a Fundación Galega contra o Narcotráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Na loita contra a droga, "faise moito, pero hai que facer máis"
Por Redacción |
-
A rede desmantelada no Salnés movía droga en veleiros e tiña un patrimonio de 10 millóns
Por Redacción |
-
A taxa de criminalidade incrementouse nun 16,4% no primeiro trimestre na cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ante o xuíz dous detidos en Cambados e Caldas pola súa relación coa maior rede de "narcotransportistas" do Estreito
Por Natalia Puga |
-
O xulgado de Vilagarcía deixa en liberdade a 'El Burro', investigado por un delito de contrabando
Por Natalia Puga |