As praias de Panadeira, Silgar e Caneliñas poderán acoller fogueiras na noite de San Xoán
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo autorizará a quen o solicite a realización de fogueiras nas praias de Panadeira, Silgar e Caneliñas, durante a noite de San Xoán. En consecuencia, non se poderán acender fogueiras en ningún outro areal do municipio.
Os particulares que desexen realizar fogueiras nas súas leiras particulares ou prazas públicas tamén deberán solicitar permiso.
O prazo para a solicitude de autorización e identificación das persoas que se farán responsables de cada unha das fogueiras autorizadas abrirase o vindeiro luns, 10 de xuño e prolongarase ata o 21 de xuño, de 9:30 ás 14:30 horas.
Ademais de no rexistro municipal, vía electrónica ou presencial, os interesados poderán tramitar a comunicación previa tanto para as fogueiras de San Xoán como para San Pedro, de forma excepcional, nas oficinas de Medio Ambiente en Vilalonga. Unha vez realizado o trámite, o responsable deberá asinar a normativa que deberá cumprir.
A Concellería de Medio Ambiente realizará unha listaxe cos participantes e os lugares das fogueiras para entregar á Policía Local e Emerxencias de Sanxenxo. Ambos os departamentos municipais coordinarán o dispositivo de vixilancia e control durante as noites do 23 ao 24 de xuño.
Ademais, o Concello poñerá en marcha un operativo especial da Policía Local, dos servizos de emerxencia e do servizo de limpeza.
O horario de vixencia para a autorización das fogueiras será exclusivamente para a noite do día 23, desde as 22 horas as 6 horas do 24, período no que quedará prohibido o baño. As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21 horas. Ás seis da mañá evacuaranse as praias para proceder á súa limpeza garantindo que estarán en perfectas condicións á primeira hora da mañá.
Por motivos de seguridade, non estará permitido o uso de tendas de campaña nin tampouco de faroliños a tailandeses. Outras medidas preventivas son a colocación de valos para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza.
Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras nos devanditos areais atópase a queima unicamente de leña limpa e en ningún caso de materiais plásticos, madeiras pintadas ou con cravos.
Tampouco se poderán levar á praia botellas ou vasos de vidro, nin reproducir música cun volume que poida molestar a zonas de vivendas.
Relacionadas:
-
Sanxenxo autoriza 23 fogueiras de San Xoán en praias e espazos públicos
Por Redacción |
-
Marín abre o prazo para solicitar fogueiras de San Xoán e urxe a limpeza de parcelas para loitar contra os incendios
Por Oskar Viéitez |
-
Cales son os requisitos para obter un permiso para facer unha fogueira de San Xoán?
Por Oskar Viéitez |
-
Queres facer unha fogueira privada en San Xoán? Xa o podes comunicar no Concello
Por Redacción |
-
Do 8 ao 21 de xuño manterán aberto o prazo para pedir permiso de montaxe de cacharelas e grelladas no San Xoán
Por Redacción |
-
Xa se poden pedir permisos para as fogueiras da noite de San Xoán
Por Oskar Viéitez |