Piden a libre absolución para os catro acusados do secuestro dun home
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra catro acusados de secuestrar a un home en agosto de 2019 nunha nave industrial de Ponteareas.
Finalmente, este xoves púidose celebrar a vista oral despois de que o xuízo tivese que ser suspendido en dúas ocasións anteriores, a última, no mes de abril, por indisposición dun avogado que hoxe interveu por videoconferencia.
Ante o tribunal provincial os catro acusados defenderon a súa inocencia negando calquera participación nos feitos.
Un dos acusados explicou que coñecera á vítima uns días antes de suposto secuestro cando acompañou a un amigo ata o seu negocio coa intención de comprar unha autocaravana cando ao final o que adquiriu o seu amigo foi "medio quilo de cocaína".
Tampouco a vítima recoñeceu como os seus secuestradores a ningunha das persoas que sentaban no banco dos acusados, polo que os seus avogados pediron a súa libre absolución.
Un dos letrados chegou a soster no seu informe final que toda esta acusación era propia de "un guión de Netflix" e que non se sostiña. Os catro avogados que exercen a defensa coincidiron en destacar a "absoluta falta de pruebas" da Fiscalía e que "solo hay indicios absurdos cogidos con un hilo".
A Fiscalía pedía inicialmente 10 anos de prisión polo delito de secuestro e unha pena de multa de 180 euros por un delito leve de lesións. Ao finalizar o xuízo, a representante do Ministerio Público modificou esa solicitude de condenas, entre outras razóns, ao ter en conta a atenuante de dilacións indebidas.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos que se xulgaron terían lugar o 10 de agosto de 2019, cando o propietario dunha nave de Ponteareas ao acceder ao interior da mesma varias persoas "abalanzáronse sobre el, tombárono no chan boca abaixo e atárono de pés e mans, con bridas e cinta illante". Os secuestradores colocáronlle unha funda de almofada cubríndolle a cabeza ao tempo pisábanlla e golpeaban. Esixíanlle que lles entregase "o diñeiro e a mercadoría, referíndose a cocaína, que tiña consigo e que se non o facía acabarían coa súa vida".
Finalmente, o home aproveitou un descoido dos seus captadores e escapou a unha zona onde puido pedir axuda e chamar á Garda Civil.