O equipo de Cachibol de Hernani xogará un torneo en Tenorio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O grupo de cachibol de Goiz Eguzki, composto por 28 xogadores e acompañantes vinculados ao Fogar do Xubilado da localidade vasca de Hernani, participará este xoves 6 de xuño nun torneo que se disputará no pavillón polideportivo municipal de Tenorio.
O cachibol é unha disciplina deportiva similar ao voleibol, pero adaptado para persoas maiores. Xógase cun balón de menor tamaño e peso que o de voleibol co obxectivo de facelo pasar por enriba da rede sen que toque o chan; os equipos poden dar un máximo de tres toques podendo coller o balón antes de devolvelo.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, salientou que esta iniciativa "será un motivo extraordinario para seguir impulsando iniciativas de promoción da práctica deportiva e saudable no noso municipio".
"A presenza de xogadores do País Vasco tamén redundará na promoción exterior e turística do noso municipio o cal servirá tamén para dinamizar a actividade hostaleira e da economía local", indicou o alcalde.
O grupo de cachibol de Hernani completará unha xira por Galicia pasando por Ourense Pontevedra e Vigo para xogar cos distintos grupos da comunidade autónoma galega.