Nace a marca Enoturismo de Soutomaior, para englobar todas as actividades vencelladas co albariño
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As tres adegas de Soutomaior acolleron este luns a II Xornada Enoturística, organizada pola concellería de Turismo co obxectivo de impulsar a colaboración entre restauración e adegas.
A actividade reuniu unha trintena de propietarios de establecementos de restauración e do comercio local que vende albariño de Soutomaior.
As xornadas tamén foron o momento elixido para a presentación da marca Enoturismo de Soutomaior, que ten como obxectivo englobar todas as actividades vencelladas co albariño de Soutomaior.
Na presentación estivo presente a técnica da ruta do viño Rías Baixas Laura Expósito, quen explicou á hostalería, ao comercio e ás adegas o que implicaría formar parte desta ruta.
O obxectivo principal desta xornada foi fomentar a colaboración entre o sector adegueiro -coas tres adegas, Quinta das Eiras, Cosecheros Reunidos e Noelia Bebelia, - e a marca Albariño de Soutomaior.
Os hostaleiros e empresarios que asistiron a esta cita dividíronse en tres grupos co fin de realizar unha degustación e unha cata en cada unha das adegas do concello e así coñecer de primeira man a calidade do produto.
Ata as xornadas achegáronse o alcalde, Manu Lourenzo, e concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, que dixo que esta xornada "amosa que o concello está altamente comprometido, trátase dun impulso á marca Albariño de Soutomaior que forma parte da Denominación de Orixe Rías Baixas que é a subzona máis pequena e máis descoñecida da DO a pesar de que ten un grande prestixio histórico o albariño que se fixo en Soutomaior. Por resta razón pensamos que convén darlle un pulo da banda do sector da hostalería que é un baluarte dentro da nosa economía local".
Desde o Concello lembran que Soutomaior sempre foi considerada unha subzona propia e independente de Rías Baixas debido ao seu prestixio histórico e á singularidade dos seus viños.