Voluntariado de "Borra su huella" desafía o forte vento para liberar o illote Areoso de 14 quilos de lixo
![María José](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/377/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5ea3331f09-foto-posible-para-linkedin-02.jpg)
Por María José Pita
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/066/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/665da84105-whatsapp-image-2024-06-01-at-16.35.14-2-.jpeg)
© Borra su huella
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2a0/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/665da89e93-whatsapp-image-2024-06-01-at-16.34.30.jpeg)
© Borra su huella
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/676/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/665da8f102-whatsapp-image-2024-06-01-at-16.34.30-1-.jpeg)
© Borra su huella
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/b0d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/665da9a119-whatsapp-image-2024-06-01-at-16.35.14.jpeg)
© Borra su huella
Este sábado 1 de xuño, o voluntariado que forma parte do proxecto solidario "Borra su huella" organizouse para recoller o lixo na contorna natural do illote Areoso, pertencente á Illa de Arousa, colaborando á vez co "Proxecto LIBERA 1m² contra a basuraleza".
A iniciativa "Borra su huella" pretende concienciar e sensibilizar sobre o grave impacto que produce o lixo abandonado nos espazos naturais, ademais de recadar fondos para axudar a paliar a desnutrición infantil a través de Médicos Sen Fronteiras.
Pancho de la Barrera, o impulsor deste proxecto, ao que tamén coñecemos por outras campañas solidarias para visibilizar o cancro infantil e recadar fondos para investigación e apoio ás familias de nenos con cancro, explica que nesta iniciativa solidaria "as persoas que participan fan plogging, é dicir, saen a facer deporte a distintos espazos naturais recollendo o lixo que se atopan para logo reciclalo".
A continuación, "envíanme fotos e un texto falando do roteiro ou travesía que realizan e eu súboo á páxina de Facebook e á conta de Instagram para concienciar e sensibilizar sobre o tremendo impacto que produce o lixo abandonado na natureza".
VENTO FORTE E UNHA SOLUCIÓN DE EMERXENCIA
O acceso á pequena illa da Ría de Arousa estaba previsto realizalo en kaiaks, grazas á colaboración de Víctor Vidal, o propietario da empresa "Kayaks & Paddel surf Illa de Arousa", que cedía as piraguas de balde e poñía ademais unha embarcación de apoio.
A previsión meteorolóxica indicaba vento do nordés cunha velocidade que iría aumentando ao longo do día. Con todo, os refachos de vento forte foron madrugadores e obrigaron, por seguridade, a abandonar o plan de desprazarse en kaiak.
Con pouca marxe de manobra, decidiuse realizar a travesía dende a praia do Espiñeiro da Illa de Arousa ata o illote Areoso na embarcación a motor. Víctor Vidal tivo que facer coa lancha catro viaxes de ida e volta, para dar cabida ao equipo de voluntariado, formado por 16 persoas e ao que tamén se uniu na acción de recollida de lixo.
"O plan A non puido ser, pero con tan boa compañía, o plan B estivo xenial!", comenta Pancho de la Barrera.
Unha vez no illote, engade, "os voluntarios realizaron unha caracterización de residuos, é dicir, unha mostraxe que recolle datos sobre o tipo e a cantidade de residuos que hai en cada zona para, a través da aplicación Marnoba facerllos chegar ao Ministerio de Transición Ecolóxica", para que se poida actuar para evitar que este lixo siga aparecendo abandonado nos espazos naturais.
De la Barrera sinala que unha vez sobre o terreo levaron a agradable sorpresa de descubrir que "o illote Areoso estaba bastante limpo e apenas retiramos 14 quilogramos de lixo".
As boas sensacións foron plenas porque "todos gozamos moitísimo da mañá grazas á causa que nos unía, ao illote paradisíaco no que nos atopabamos e, por suposto, á gran calidade de todas as persoas que participamos, creando un boísimo e divertidísimo ambiente".
Este activista pídenos agradecer publicamente a todos os voluntarios a súa achega e especialmente a Víctor Vidal, "pois sen el sería imposible realizar esta actividade".
Relacionadas:
-
As praias de Poio quedarán listas esta semana para comezar a tempada alta
Por Oskar Viéitez |
-
Pancho de la Barrera volve ao camiño para visibilizar o cancro infantil
Por María José Pita |
-
Pancho de la Barrera, un bombeiro vilagarcián que loita contra o cancro infantil cos seus bonecos viaxeiros
Por María José Pita |