Máis dun millón de euros en subvencións conseguiu Soutomaior no que vai de ano
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou este venres que o Concello conseguiu máis dun millón de euros en subvencións concedidas no que vai de ano 2024.
O alcalde deu este dato durante o pleno ordinario do mes de maio, no que o goberno local aprobou o seu Plan de Axenda Urbana e Rural, unha folla de ruta coa que o goberno de Soutomaior implementará a obtención de subvencións estatais e europeas.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo subliñou que a Axenda Urbana e Rural foi unha das primeiras medidas nas que se puxo a traballar ao comezo do mandato. O rexedor sinalou que para este fin Soutomaior contou cos servizos do decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya, e do seu equipo, un dos máis recoñecidos a nivel estatal e europeo na transformación urbana de vilas e concellos.
O proceso de elaboración da Axenda Urbana e Rural contou coa participación cidadá.
O alcalde Manu Lourenzo sinalou que "coa Axenda Urbana e Rural, Soutomaior ponse á mesma velocidade que o resto de Europa que xa conta con esta folla de ruta. Somos pioneiros, como así demostra que agora é a Deputación de Pontevedra a que comeza a elaborar a súa Axenda Urbana. Soutomaior tamén vai participar dese proceso, o que demostra que cada vez máis o noso concello é un referente na comarca e na provincia".
O rexedor tamén sinalou que "un dos principais eixos de traballo do goberno de Soutomaior é a captación de subvencións para levar a cabo actuacións que melloren a vida da nosa veciñanza. Tanto o máis dun millón de euros obtidos no que vai de 2024 como todos os fondos que captemos grazas á Axenda Urbana e Rural vannos permitir construír un Soutomaior en grande", concluíu Manu Lourenzo.