O BNG pide un incremento dos fondos que percibe Pontevedra da Deputación
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do BNG instou este venres o goberno da Deputación para "equilibrar" a repartición de fondos que reciben Pontevedra e Vigo cos do resto dos concellos da provincia. Así o defendeu no Pleno o portavoz nacionalista César Mosquera, quen subliñou que as asignacións ás dúas cidades mantéñense igual que en 2015 mentres que as dos demais municipios aumentaron de maneira considerable desde esa data.
O portavoz do BNG expuxo esta solicitude para xustificar a abstención do grupo nacionalista na aprobación da modificación orzamentaria que foi aprobada en solitario polo Partido Popular.
Trátase dunha modificación orzamentaria por preto de 17,8 millóns de euros para "reforzar investimentos importantes na acción do goberno da provincia", fundamentalmente dedicarán case 13 millóns de euros para o mantemento e a conservación das estradas da súa titularidade.
O presidente provincial, Luis López sinalou que, en conxunto, a Deputación dedica 60 millóns de euros para "garantir o perfecto estado da nosa rede viaria", algo que "contrasta co que vén facendo o Ministerio, que acaba de formalizar uns ínfimos 8,7 millóns de euros cando a rede de estradas nacionais está nun estado francamente pésimo", declarou.
Ademais investiranse medio millón de euros en melloras no Centro Príncipe Felipe, máis dun millón de euros en patrocinios deportivos, e tamén outras inxeccións menos considerables en termos cuantitativos, "pero si moi relevantes en termos cualitativos", en proxectos coa Universidade de Vigo, eventos culturais, axudas a entidades e asociacións "en definitiva, unha choiva fina de recursos que fará que a nosa provincia floreza aínda máis", sinalou Luis López.
Pola súa banda o grupo socialista lamentou o "conformismo e a nula vontade política" do goberno provincial do PP que no pleno da Deputación votou en contra da moción do PSdeG-PSOE para poñer en marcha un Plan Extraordinario "con recursos ambiciosos para os concellos a fin de recuperar o ritmo de transformación da provincia".
A portavoz socialista Ana Laura Iglesias cualificou tamén de "incomprensible" a negativa do PP para apoiar a moción para instar á Xunta a recuperar a Secretaría Xeral de Igualdade.
O pleno tamén aprobou unha modificación de crédito para o Consorcio Provincial de Servizos Contra Incendios por un importe de 2,8 millóns de euros, así como modificación do cadro de persoal.
Pola súa banda o PP aprobou as tres mocións que levaba ao Pleno para reclamar ao Goberno de España a liberalización da peaxe da autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Curro; para esixir ao Goberno a convocatoria da Comisión de Transferencias para dotar a Galicia dos medios necesarios para xestionar adecuadamente o litoral; e pedir ao Ministerio de Interior "que cese nos seus recortes á Garda Civil e complete as 101 prazas que precisa o seu persoal na provincia".
No pleno tamén tomou posesión como deputada polo Partido Popular, Belén Cachafeiro, que asumirá a xestión da área de fondos europeos.
Pleno da Deputación de Pontevedra
O grupo provincial do BNG instou este venres ao goberno da Deputación para “equilibrar” a repartición de fondos que reciben Pontevedra e Vigo cos do resto dos concellos da provincia.
© Mónica Patxot